jueves, 12 de mayo de 2011


O INCIO





As dúas liñas familiares que confluíron en Lois son do Incio, sen máis antecedentes exóticos que un cura francés, exiliado pola Revolución francesa, e cuxo apelido Pierrerie aínda levaba o bisavó paterno. Esa póla, orixinaria de Reádigos, era de orixe máis que humilde. O avó Manuel Sánchez Fernández foi criado dunha casa rica desde os 7 anos, e un irmán maior seu, José, emigrou a Portugal. Alí foi sindicalista no sector da hostalería e no de vendedores de prensa, e tívose que exiliar en Casablanca, onde acabou tendo un hotel. Desde alí reclamou a Manuel, que non aceptou. Acabou indo a Marrocos a outra cousa: á guerra colonial. De volta, foi o que agora se chama un emprendedor: labrador, caleiro e finalmente madeireiro, actividade que o deu sacado de pobre. Casou con Pura Vila Vila, unha señorita da Cruz do Incio, xuntáronse un carácter forte e un ser delicado, e tiveron un único fillo, Manuel Sánchez Vila. O pai e o padriño, secretario do Concello do Incio, decidiron que o rapaz fose estudar Dereito a Madrid. O mozo aldeán, que necesitaba tirar de dicionario para entender moitas palabras xa co título, foi vivir a Monforte, a unha casa que fixera na cidade o pai. Entrou de pasante en Ferreira de Pantón e logo co pai de Emilia Casas Baamonde, a presidenta do Tribunal Constitucional. Porén, deseguida chegou á conclusión de que non servía para avogado. Así que seu pai colleu o taller de cristalería que estaba arrendado no baixo da súa casa e púxoo á fronte do negocio.
A familia materna eran os da casa Castelo de Santa Cristina do Viso, que como indica o nome, era casa grande. Nela había xardín con cipreses, buxos e palmeiras, libros antigos, algún prato do vello Sargadelos e dous reloxos de parede que daban as horas para toda a aldea. E dous tíos curas, un deles párroco en Cervantes durante 50 anos e dunha bonhomía que ata respectaban os guerrilleiros que houbo na montaña cando a guerra civil. Desde a aldea de Bermún foi casar con Hermenegildo Pereiro Díaz, da Casa de Castelo, Balbina Pontón López, unha muller cun tempero como para participar na conquista do Oeste. Todo o contrario do avó Hermenegildo, un home apracible que de cando en vez ía tomar os baños á Coruña e que soamente saíu de Galicia cando foi atender a seu irmán maior a Cuba, e volveu cando lle dixeron que acababa de morrer. Tiveron tres fillos, Carmen, Inés e José. Inés foi daquelas mestras da posguerra que, con 18 anos, daban clases polas aldeas a rapaces que, en moitos casos, poucos anos menos tiñan ca elas. Deunas en Santa Cristina, en Guntín, en Cospeito, na Fonsagrada e en Sober, ata que tivo que criar os fillos (volvería exercer en 1982, no Incio, en Quiroga e finalmente en Monforte, nun centro de Educación Especial).
As dúas familias tiñan trato e coincidían nas romarías da contorna. Manuel Sánchez Vila e Inés Pereiro Pontón casaron en xaneiro de 1955 e tiveron axiña dous fillos, Xosé Manuel e Lois, e anos máis tarde a Inés.




MONFORTE





Lois Pereiro naceu, baixo o pseudónimo oficial de Luis Ángel Sánchez Pereiro, o 16 de febreiro de 1958, domingo de Entroido aquel ano, no primeiro piso da casa de dúas plantas que o avó Manuel construíra a comezos dos anos 50 no soar da estrada a Ourense onde estivera o Stadium do Lemos F.C. Levabámonos 17 meses, así que faciamos un lote ao coidado de Emilia Expósito, a muller que entrara na casa cando meu pai aínda estaba solteiro, e que sempre consideramos a nosa outra avoa. Ao coidado dela e de dúas das súas irmás, Enriqueta e Lola, unha familia de vella raizame monfortina como comprobabamos nos paseos, que se facían interminables de tanta xente coa que se paraban a falar.
Os invernos, os outonos e as primaveras transcorrían en Monforte, a maior parte do día nos Escolapios e o que quedaba del xogando cos amigos no faiado da casa, na horta, na propia rúa, nos soares (o máis apetecible, un no que se amoreaban milleiros de pneumáticos) e nas obras que se ían erguendo neles. Pero os veráns pasaban nas aldeas do Incio, primeiro en Reádigos e logo en Santa Cristina, cando aínda estaban cheas de xente e de nenos.
Monforte, o Monforte de Lois, aquela cidade agredida pola reconversión ferroviaria, non era aquel burato negro da cultura que era España toda dez anos antes, pero case. Máis que sempre, daquela as inquedanzas había que buscalas. Afortunadamente, estaban os libros, os das librerías monfortinas (Xistral, Balado ou Mapa) e os que caían nas de Lugo (había un pacto familiar: cada visita médica, un libro). Afortunadamente, estaba a música, que chegaba por camiños case clandestinos. E o cine, aínda que había máis referencias lidas que películas que ver, quitados os clásicos que poñían na televisión.
Aos 17 anos, quen fora un neno máis ben tímido e calado era un rapaz que recitaba os simbolistas en francés nas discotecas, compartía a Velvet, Bowie ou King Crimson con aquel novo invento, a casete, e participaba nos debates dos lectores nas revistas de cine. Posiblemente a eterna néboa que cobre no inverno o Val de Lemos, a ferruxe colonizando os raís e a herba invadindo as travesas de madeira norueguesa foi o que uniu a Lois desde o comezo e para sempre ao que chamaba "a xeada estética centroeuropea" e aos movementos contraculturais. Abríase ao mundo coma quen sobe a coller aire, pero tamén redescubría quen era e de onde viña. Comezou a escribir no idioma que escoitara coma quen oe o río das orixes, e que aínda non falaba, os seus primeiros poemas. "Nunca escribirei en castelán", díxolle un día á que empezaba a ser a súa moza, Piedad Cabo. "Quero ser como Manuel Antonio, escribir un libro e morrer novo".

No hay comentarios:

Publicar un comentario